Sunday 28 de April de 2024

A Coruña e Porto acordan unha proposta para a rexeneración urbana dos seus barrios para optar á convocatoria de fondos europeos de 2015


As dúas cidades tenderán pontes, tamén, no ámbito cultural co desenvolvemento do Proxecto Arteria, para a xeración, captación e intercambio de talento e creatividade

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, e o seu homólogo de Porto,Rui Moreira, asinaron un protocolo para o deseño de tres proxectos conxuntos de cara a tres convocatorias europeas, que se producirán entre xaneiro e maio de 2015 e que poderían supoñer 75 millóns de euros de financiamento. Ademais, ambas as dúas cidades acordaron cooperar no ámbito cultural cun proxecto para o a xeración, captación e intercambio de talento. Estes novos pasos forman parte do encontro de traballo que, durante estes dous días, se celebrou na cidade portuguesa como continuación á alianza estratéxica selada o pasado mes de marzo deste ano na Coruña.
“Estes dous días serviron para reafirmarnos, se cabe máis, en que Porto é un magnífico socio para nós. Temos moitas máis cousas que nos unen que as que nos diferencian e o convencemento de que neste espazo económico, conformado por 6 millóns de persoas de Galicia e o Norte de Portugal, as dúas cidades somos dous firmes motores económicos e culturais deste ámbito para mellorar a calidade de vida e benestar de todos os seus cidadáns”, subliñou Carlos Negreira, quen engadiu: “Se a Porto e á Coruña lles vai ben será garantía de que a Galicia e ao Norte de Portugal lles irá ben. Porto e A Coruña contan con grandes vantaxes competitivas para converterse en cidades medias de referencia en Europa, xa que teñen todas as condicións necesarias para mellorar a calidade de vida e xerar oportunidades de emprego e de futuro,”.

REXENERACIÓN URBANA E SMART CITY
O alcalde explicou que as dúas cidades asinaron un protocolo que recolle a vontade de
A Coruña e Porto de consensuar e presentar tres proxectos en tres convocatorias europeas de financiamento. “Neste século XXI temos que falar de novas tecnoloxías e de cidades programadas para gañar o futuro e dar novas oportunidades no campo tecnolóxico”, resumiu.
O principal proxecto estará baseado en captar fondos europeos para a rexeneración de importantes barrios das dúas cidades, que comparten problemáticas ao ter sido construídos nas décadas dos 50 e dos 60 do século pasado. Esta rexeneración implicaría a modernización de ascensores e fachadas e a aposta pola accesibilidade e a eficiencia enerxética. “Queremos barrios con mellores condicións e equipamentos, barrios do século XXI”, asegurou Negreira.
Os outros dous proxectos desenvolveranse aproveitando e intercambiando experiencias no ámbito smart das dúas cidades, complementándose. Ambas as dúas cidades, referentes en temas smart, buscarán un terceiro socio internacional, para desenvolver os proxectos que optarán aos fondos europeos, que se convocarán entre xaneiro e maio, e supoñerán 25 millóns de euros cada un deles. A filosofía é seguir tendendo pontes entre cidades.
PROXECTO ARTERIA
No ámbito da cultura a relación entre ambas as dúas cidades concrétase no que se denominará Proxecto Arteria, unha suma de forzas coa intención de eliminar a distancia de ambas as dúas cidades cunha serie de programas no ámbito das artes, o deseño, a arquitectura e a ciencia que actúe nun marco colectivo, respectando os respectivos contextos e especificidades. O Proxecto Arteria poderá ocupar lugares ou infraestruturas concretas, pero tamén poderá abranguer á propia cidade en xeral, sen necesidade dun espazo físico determinado, ao servizo da cidadanía. “Simboliza unha autoestrada virtual entre A Coruña e Porto, onde se poderá mover todo o que ten que ver con innovación, arte e creatividade; e ser, ademais, como unha casa sen paredes, perfectamente comunicada para xerar innovación,” sinalou Negreira.
O Proxecto Arteria, na liña da formulación que supón a iniciativa CIDEA, é un proxecto de dúas cidades que pretenden funcionar como vasos comunicantes, que tratará tamén de vincular á Universidade e a empresa, de cara a valorar, intercambiar e xerar os principais talentos culturais das nosas cidades e sumar forzas para rendibilizar a chegada de profesionais internacionais de prestixio.
O alcalde coruñés finalizou recordando que, en materia de turismo, tamén se deron onte os primeiros pasos co obxectivo de presentar proxectos europeos conxuntos; promover a gastronomía e a Dieta Atlántica cunha primeira iniciativa que supón contar con Porto no Fórum Gastronómico 2015; e o deseño dunha oferta turística conxunta.